A cidade rexorde tras o furacán

O resto da semana continuamos coa visita ás vivendas do entorno dos Maceo. Un pouco o mesmo que describía o outro día. Moitas vivendas que foron recuperadas estaban danadas polo acontecido no ciclón, sobre todo no tocante ás cubertas. Existen casos graves que perderon a cuberta ou vivenda por completo. Outros casos con máis fortuna, sobre todo os que tiñan a cuberta de tella, salvárona, aínda que con desperfectos que afectaban ata o falso teito.

O xoves pola tarde visitei una exposición de fotografía na Maqueta da Cidade. A exposición reflectía os danos nos momentos máis inmediatos despois do ciclón. Practicamente todas as fotos as tomou un xornalista que saíu á rúa momentos despois do desastre. Paralelamente, amosábanse fotos das mesmas imaxes logo da súa reconstrución. Esta exposición tivo moita transcendencia entre a cidadanía, pois realmente a situación foi moi dramática. Cóntanme que se declarou estado de guerra na cidade para evitar que se subisen os prezos. A exposición, aínda que amosa feitos terribles, amosa tamén o principio da recuperación e supón un impulso para seguir, porque despois de menos de catro meses xa había bastante avanzado.

Os datos do Sandy:

  • Data: 25 outubro, 12:30 am.
  • Furacán categoría III
  • Ventos máximos: 185 km/h con rachas de 200 Km/h
  • Velocidade de translación: 33Km/h
  • Ondas de ata 9 m de altura en Siboney, Aguadores e Cayo Granma.

Afectacións:

  • 9 persoas falecidas.
  • 330.000 persoas evacuadas.
  • 171.000 vivendas afectadas (15.000 de forma total).
  • 42.700 ha de bosque afectado (740.000 m3 de recursos madeirables do solo).
  • 273 centros educativos danados (6 de forma total).
  • 249 instalacións culturais danadas.
  • 41.000 teléfonos interrompidos e 1.200 postes derrubados.
  • Sistema eléctrico afectado ao 100%, 7 torres e 2 liñas de transmisión de 220.00 voltios que enlazaban a cidade co sistema nacional destruídas.
  • 120 panaderías e varias unidades de produción de alimentos sen teito.

E como as imaxes valen máis que mil palabras, deixo unas cantas:

cuba18_sandy

cuba19_sandy

cuba20_sandy

cuba21_sandy

cuba22_sandy

cuba23_sandy

cuba24_sandy

A escola do Cayo Granma

O mércores 6 fomos visitar a área de traballo. Ás oito da mañá nos esperaba o autobús. Alí partimos Pilar, Aleida, Jesús e mais eu.

Antes de coller a lancha para ir ao Cayo, puidemos visitar un centro cultural chamado ‘El surtidor de sueños’. Este centro sitúase nunha península da baía chamada Punta Gorda e foi recuperado como tal pola Oficina do Conservador da Cidade. Este tipo de centros son fundamentais, pois garanten a integración das comunidades máis afastadas xeograficamente do centro de Santiago.

cuba10_centro

A recuperación do edificio baseouse na substitución dos muros de madeira por uns de cachotería, mantendo exactamente a forma orixinal. No resto, cuberta e soportais exteriores mantéñense de madeira. No interior hai locais para o desenvolvemento de actividades culturais (sala de exposicións, obradoiro de pintura, de cociña…), ademais de biblioteca e sala de informática. Aínda que o edificio xa estaba restaurado completamente, o tornado levouse a cuberta, e no momento da visita aínda a estaban substituíndo e facendo remates de pintura.

cuba11_cay

Despois collemos a lancha para o Cayo. Dende o mar, e a medida que nos iamos achegando, puiden comprobar a desfeita que deixara o Sandy na illa. Practicamente toda a liña de costa seguía afectada. Os meus acompañantes coméntame que a situación mellorou bastante dende o 30 de outubro, e que a xente púxose enseguida mans á obra para arranxar as súas casas, pero aínda queda moito traballo por facer.

cuba12_cayo

No interior da illa, comprobamos como da escola anterior non quedara absolutamente nada, unicamente restos de cimentación e dalgún tabique. Vimos tamén como parte do antigo espazo da escola xa fora apropiado por outros. Unha parte da superficie da escola estaba ocupada por una construción realizada con restos de materiais que quedaron espallados tras o ciclón, degradando aínda máis a fronte costeira e substituíndo parte dunha superficie dedicada a equipamento escolar por unha edificación privada.

cuba14_cayo

Despois fomos á parte da escola situada na zona alta, que non foi danada polo Sandy. Alí comprobamos como funcionaba a escola con menos da metade da superficie, tras a desaparición do inmoble de abaixo. O principal problema é que tiveron que destinar a totalidade das salas a aulas, e mesmo estas dividilas para poder ter seis aulas (unha por grao). A escola quedou sen espazo para reunión de profesores, almacén ou unha mínima zona de usos múltiples (biblioteca, ordenadores, etc). A instalación sanitaria reduciuse un aseo para todos. Tendo en conta que hai este ano 87 alumnos matriculados e 17 traballadores empregados que gozan deste espazo.

cuba15_escola

Continuamos o percorrido pola illa, visitando algunha vivenda e comprobando algunha obra de reparación despois do furacán. Puidemos ver algunha vivenda feita nova, con restos de madeiras soltas, repetindo a tipoloxía tradicional.

cuba16_cayo

Rematamos a mañá visitando o Castillo do Morro, punto turístico de primeira. Deixo algunhas imaxes.

cuba17_castelo

Unha illa Patrimonio da Humanidade

O día anterior á visita a Cayo Granma, para ver o que da escola deixara Sandy, reuninme con Aleida. A arquitecta encargada de levar o proxecto contoume un poco a historia do lugar e a situación previa ó furacán. Fago un breve resumo:

O Cayo Granma forma parte do área declarada Patrimonio da Humanidade Castillo San Pedro de Roca. Sitúase nunha contorna única, á entrada da baía santiagueira. Ademais do entorno paisaxístico, o lugar ten unha grande tradición histórica. No século XIX, o “cayo” (illote) era un poboado de pescadores que comezou a ser habitado polas familias podentes da sociedade da época no século XX, que construíron alí as súas casas de veraneo.

A tipoloxía tradicional das vivendas deste lugar é moi peculiar, cunha arquitectura de madeira con estrutura tipo “balloom frame”, de influencia norteamericana. Existen moitas variantes nas solucións e nos elementos decorativos de madeira (varandas, capiteis dos pés dereitos, etc). Destacan sobre todo os inmobles da beira do litoral, con terrazas e peiraos nos sotos.

A escola primaria Juan Gualberto Gómez estaba formada por dous inmobles, un situado na rúa Principal ou 24 de Febreiro (no bordo marítimo) e outro en Lucas Palacios. Ambos conectados por unha escalinata.

A parte da escola situada na rúa 24 de Febreiro respondía a esa tipoloxía, de arquitectura de madeira ó bordo do mar. Ten un grande valor patrimonial con grao de protección 2. No interior, e a través dun distribuidor central, ubicábanse tres aulas, a sala de computación, a de dirección e un almacén. O soto, no lugar do antigo peirao, servía para desenvolver as actividades de educación física (especialidade natación), así como as artes de pesca para aproveitar o potencial acuático existente.

Dado o elevado estado de deterioro e, coa idea de mellorar a súa distribución, a Oficina do Conservador tiña xa redactado e aprobado un proxecto de rehabilitación. Desgraciadamente, o edificio desapareceu por completo tras o paso do furacán, e non só é que se faga inviable a execución do proxecto, senón que todas as funcións da escola que antes se desenvolvían en dous edificios agora téñense que realizar nun só espazo.

A habitabilidade mellora con novas cociñas, baños e cubertas

O luns empezamos una visita polo terreo, para ver o estado das obras executadas no proxecto de mellora de habitabilidade nos Maceo. A maior parte do proxecto está terminado, e moitas vivendas do conxunto histórico viron melloradas as súas condicións de habitabilidade simplemente coa mellora das instalacións e a substitución da cociña e do baño.

cuba5_cocina

Co tema da cuberta, acontece outra cousa. Aínda que a maior parte dos edificios xa a tiñan colocada, o furacán levouse a maioría. Sobre todo aquelas cubertas metálicas. A cuberta tradicional das vivendas realizábase en tella crioula (tella curva) ou en tella francesa (tella plana). Moitas das cubertas tradicionais cerámicas substituíronse por cubertas metálicas por dous motivos principalmente. Un, porque resulta máis económico e dous, porque resulta moito máis sinxela a súa execución, tendo en conta que quen vai executar a obra son os propios usuarios das vivendas.

cuba6_bano

Durante a visita, puidemos comprobar a execución de moitas instalacións de cocina e baño en varias vivendas. Tamén detectamos serios problemas estruturais nalgunhas delas. Dende problemas na estrutura da cuberta por deficiencias nos apoios, a estruturas a punto de entrar en colapso, cuxa situación se viu agravada tras o paso do Sandy.

cuba7_deficiencias

A Oficina do Conservador e a reabilitación do Conxunto Histórico

O venres empezamos a ver o proxecto de colaboración que levou a cabo o Fondo Galego para a mellora das condicións de habitabilidade no centro histórico de Santiago. O proxecto denomínase “Mejoramiento de las condiciones de habitabilidad a viviendas del centro histórico, consejo Los Maceo”. O consello Los Maceo forma parte dun área maior e o proxecto de colaboración replicouse nunha área lindeira na contorna da praciña de Santo Tomás.

O Conxunto Histórico de Santiago de Cuba formouse entre os anos 1515, data da fundación da cidade, e o 1898, data na que se considera que a planta está completamente definida. No 1978, o casco antigo foi declarado Monumento Nacional. A tipoloxía edificatoria, da época colonial ou republicana recóllese nunhas parcelas de grandes dimensións, na que as vivendas adoitaban ter un patio central ou lateral. Existía un sistema de canais na cuberta que remataba nun alxibe nos interiores do patio. A estrutura era de madeira con tres tipos de fachada: simple, de corredor ou de balconaxe con amplos puntais.

Santiago de Cuba é a cidade máis densamente poboada do país, polo que, ao igual que no resto das cidades cubanas, o problema da vivenda é moi preocupante. As edificacións atópanse en moi mal estado xeral e os recursos económicos da cidadanía e do Estado son moi limitados. Por outra banda, o descoñecemento por parte da poboación das técnicas construtivas tradicionais e a necesidade das familias de incrementar o espazo da vivenda, leva consigo perda de valores arquitectónicos, reflectida en: divisións dos lotes orixinais, demolicións, cambio na tipoloxía, derrubas totais ou parciais, etc.

Malia que existan estes problemas de vivenda no interior do casco histórico, a Oficina do Conservador da cidade traballa de xeito independente do organismo de vivenda. Resulta moi difícil obter recursos para abordar certos temas, como a mellora das estruturas. Aínda así, a Oficina, a través de pequenas accións e mediante proxectos de colaboración e o esforzo propio dos habitantes, resolveu moitos problemas.

O funcionamento do proxecto de colaboración executado ata agora desenvólvese en tres obxectivos básicos: a rehabilitación de cubertas, a mellora do equipamento sanitario da cociña e do baño e a mellora das instalacións eléctricas.

Para a execución das obras, a Oficina funciona como inversionista na entrega dos recursos ás persoas beneficiarias. Estas son as que levan adiante a execución dos traballos, previamente diagnosticados polos especialistas.

“O Sandy fixo estragos, todos os santiagueiros recoñecen agora a cidade fermosa que tiñan”

Logo dunha longa viaxe Vigo-Madrid, Madrid-La Habana, La Habana- Santiago de Cuba, chego por fin ao meu sitio de destino, Santiago.

No aeroporto, esperábame Marta Calderón, a miña anfitrioa e coidadora durante a miña estadía na cidade, e lévame cara o que será o meu aloxamento durante todo o mes. Unha das cousas que me dixo durante o traxecto con mágoa foi: “A cidade que ti vas a coñecer, non é a mesma que coñeceron outros, o Sandy fixo estragos. Todos os santiagueiros recoñecen agora a cidade fermosa que tiñan”.

cuba1_barrio

A miña impresión dende o primeiro momento foi que, a pesar das árbores e das cubertas caídas, e do estado en que se atopaba todo, pareceume unha cidade realmente fermosa.

cuba2_barrio

O meu aloxamento sitúase nun barrio que se chama Vista Alegre, que debeu pertencer á clase podente da época. Abundan vivendas unifamiliares de grandes dimensións da época da república, con soportal e xardín semiprivado dianteiro, e xardín privado traseiro. A maioría das vivendas son hoxe utilizadas como hostais, servizos de restauración, equipamentos públicos, etc. Unha delas é o meu hostal, que era una antiga casa de pilotos. Chámase Hostal La Confronta e está rexentado por Ernesto. A estrada central do barrio, a Avenida Mandulei, debeu contar con árbores de grandes dimensións, pero a maioría caeron co furacán.

cuba3_hostal

O meu lugar de traballo, áchase no centro do casco histórico. A Oficina do Conservador está nun edificio de tipoloxía colonial cun grande patio interior. En cada un dos proxectos teño un equipo de traballo, pero na miña oficina estarei fundamentalmente con Marta, con Pilar e con Ester.

cuba4_oficina

Achegamento ao proxecto do Fondo Galego en Santiago de Cuba

Logo dun tempo de trámites, comeza a miña experiencia dun mes por Santiago de Cuba, co programa Vacacións con Traballo. Trátase dun programa de voluntariado consistente nunha estadía dun mes de vacacións laborais en proxectos de colaboración que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade leva noutros países.

O programa Vacacións con Traballo, encádrase no marco da sensibilización do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Neste programa, membros das administracións locais e provinciais galegas colaboradoras do Fondo teñen a oportunidade de viaxar e coñecer de primeira man outras realidades en países menos desenvolvidos.

Cando vin o programa, resultoume realmente interesante e una oportunidade única. Xa coñecía o labor do fondo e a varias persoas que participaron, polo que non dubidei en solicitalo.

No mes de decembro, e cando xa non contaba con elo, recibo a noticia de que fora seleccionada para a viaxe e que nunha semana estaría voando a Santiago de Cuba. Ao final, non foi todo tan precipitado, e demorouse ata febreiro, polo que tiven certo tempo para coñecer a especial situación pola que estaba a pasar a cidade.

Os proxectos de colaboración que o Fondo Galego leva a cabo en Santiago de Cuba son coa Oficina del Conservador de la Ciudad, cuxos principais obxectivos son:

  • Preservar a memoria material e espiritual da cidade.
  • Formular, propor e executar os plans de restauración na zona priorizada.
  • Velar pola conservación e restauración dos valores históricos no resto da cidade.

Para levar a cabo estas accións axeitadamente, a cidade ten elaborado un Plan Maestro, no que colaborou activamente o equipo de Oficina de Palneamento que redactou o Plan Especial de Protección de Santiago de Compostela.

Durante a miña estadía, coñecerei de primeira man a execución deste Plan Maestro, así como as obras de mellora das condicións de habitabilidade nas quen participou activamente o Fondo. Por último, insertareime no proxecto de rehabilitación da escola Juan Gualberto Gómez, de Cayo Granma.

A situación pola que está a pasar a cidade nestes momentos é especialmente sensible, pois o paso do furacán Sandy na madrugada do 25 de outubro arruinou, en tres horas, esforzos de moitos anos por recuperar a cidade.

Espero que a miña experiencia eiquí sexa do máis proveitosa posible, para min, para eles e para todos aos que poida transmitila.