A escola do Cayo Granma

O mércores 6 fomos visitar a área de traballo. Ás oito da mañá nos esperaba o autobús. Alí partimos Pilar, Aleida, Jesús e mais eu.

Antes de coller a lancha para ir ao Cayo, puidemos visitar un centro cultural chamado ‘El surtidor de sueños’. Este centro sitúase nunha península da baía chamada Punta Gorda e foi recuperado como tal pola Oficina do Conservador da Cidade. Este tipo de centros son fundamentais, pois garanten a integración das comunidades máis afastadas xeograficamente do centro de Santiago.

cuba10_centro

A recuperación do edificio baseouse na substitución dos muros de madeira por uns de cachotería, mantendo exactamente a forma orixinal. No resto, cuberta e soportais exteriores mantéñense de madeira. No interior hai locais para o desenvolvemento de actividades culturais (sala de exposicións, obradoiro de pintura, de cociña…), ademais de biblioteca e sala de informática. Aínda que o edificio xa estaba restaurado completamente, o tornado levouse a cuberta, e no momento da visita aínda a estaban substituíndo e facendo remates de pintura.

cuba11_cay

Despois collemos a lancha para o Cayo. Dende o mar, e a medida que nos iamos achegando, puiden comprobar a desfeita que deixara o Sandy na illa. Practicamente toda a liña de costa seguía afectada. Os meus acompañantes coméntame que a situación mellorou bastante dende o 30 de outubro, e que a xente púxose enseguida mans á obra para arranxar as súas casas, pero aínda queda moito traballo por facer.

cuba12_cayo

No interior da illa, comprobamos como da escola anterior non quedara absolutamente nada, unicamente restos de cimentación e dalgún tabique. Vimos tamén como parte do antigo espazo da escola xa fora apropiado por outros. Unha parte da superficie da escola estaba ocupada por una construción realizada con restos de materiais que quedaron espallados tras o ciclón, degradando aínda máis a fronte costeira e substituíndo parte dunha superficie dedicada a equipamento escolar por unha edificación privada.

cuba14_cayo

Despois fomos á parte da escola situada na zona alta, que non foi danada polo Sandy. Alí comprobamos como funcionaba a escola con menos da metade da superficie, tras a desaparición do inmoble de abaixo. O principal problema é que tiveron que destinar a totalidade das salas a aulas, e mesmo estas dividilas para poder ter seis aulas (unha por grao). A escola quedou sen espazo para reunión de profesores, almacén ou unha mínima zona de usos múltiples (biblioteca, ordenadores, etc). A instalación sanitaria reduciuse un aseo para todos. Tendo en conta que hai este ano 87 alumnos matriculados e 17 traballadores empregados que gozan deste espazo.

cuba15_escola

Continuamos o percorrido pola illa, visitando algunha vivenda e comprobando algunha obra de reparación despois do furacán. Puidemos ver algunha vivenda feita nova, con restos de madeiras soltas, repetindo a tipoloxía tradicional.

cuba16_cayo

Rematamos a mañá visitando o Castillo do Morro, punto turístico de primeira. Deixo algunhas imaxes.

cuba17_castelo

Leave a comment