Unha illa Patrimonio da Humanidade

O día anterior á visita a Cayo Granma, para ver o que da escola deixara Sandy, reuninme con Aleida. A arquitecta encargada de levar o proxecto contoume un poco a historia do lugar e a situación previa ó furacán. Fago un breve resumo:

O Cayo Granma forma parte do área declarada Patrimonio da Humanidade Castillo San Pedro de Roca. Sitúase nunha contorna única, á entrada da baía santiagueira. Ademais do entorno paisaxístico, o lugar ten unha grande tradición histórica. No século XIX, o “cayo” (illote) era un poboado de pescadores que comezou a ser habitado polas familias podentes da sociedade da época no século XX, que construíron alí as súas casas de veraneo.

A tipoloxía tradicional das vivendas deste lugar é moi peculiar, cunha arquitectura de madeira con estrutura tipo “balloom frame”, de influencia norteamericana. Existen moitas variantes nas solucións e nos elementos decorativos de madeira (varandas, capiteis dos pés dereitos, etc). Destacan sobre todo os inmobles da beira do litoral, con terrazas e peiraos nos sotos.

A escola primaria Juan Gualberto Gómez estaba formada por dous inmobles, un situado na rúa Principal ou 24 de Febreiro (no bordo marítimo) e outro en Lucas Palacios. Ambos conectados por unha escalinata.

A parte da escola situada na rúa 24 de Febreiro respondía a esa tipoloxía, de arquitectura de madeira ó bordo do mar. Ten un grande valor patrimonial con grao de protección 2. No interior, e a través dun distribuidor central, ubicábanse tres aulas, a sala de computación, a de dirección e un almacén. O soto, no lugar do antigo peirao, servía para desenvolver as actividades de educación física (especialidade natación), así como as artes de pesca para aproveitar o potencial acuático existente.

Dado o elevado estado de deterioro e, coa idea de mellorar a súa distribución, a Oficina do Conservador tiña xa redactado e aprobado un proxecto de rehabilitación. Desgraciadamente, o edificio desapareceu por completo tras o paso do furacán, e non só é que se faga inviable a execución do proxecto, senón que todas as funcións da escola que antes se desenvolvían en dous edificios agora téñense que realizar nun só espazo.

Leave a comment