Achegamento ao proxecto do Fondo Galego en Santiago de Cuba

Logo dun tempo de trámites, comeza a miña experiencia dun mes por Santiago de Cuba, co programa Vacacións con Traballo. Trátase dun programa de voluntariado consistente nunha estadía dun mes de vacacións laborais en proxectos de colaboración que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade leva noutros países.

O programa Vacacións con Traballo, encádrase no marco da sensibilización do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Neste programa, membros das administracións locais e provinciais galegas colaboradoras do Fondo teñen a oportunidade de viaxar e coñecer de primeira man outras realidades en países menos desenvolvidos.

Cando vin o programa, resultoume realmente interesante e una oportunidade única. Xa coñecía o labor do fondo e a varias persoas que participaron, polo que non dubidei en solicitalo.

No mes de decembro, e cando xa non contaba con elo, recibo a noticia de que fora seleccionada para a viaxe e que nunha semana estaría voando a Santiago de Cuba. Ao final, non foi todo tan precipitado, e demorouse ata febreiro, polo que tiven certo tempo para coñecer a especial situación pola que estaba a pasar a cidade.

Os proxectos de colaboración que o Fondo Galego leva a cabo en Santiago de Cuba son coa Oficina del Conservador de la Ciudad, cuxos principais obxectivos son:

  • Preservar a memoria material e espiritual da cidade.
  • Formular, propor e executar os plans de restauración na zona priorizada.
  • Velar pola conservación e restauración dos valores históricos no resto da cidade.

Para levar a cabo estas accións axeitadamente, a cidade ten elaborado un Plan Maestro, no que colaborou activamente o equipo de Oficina de Palneamento que redactou o Plan Especial de Protección de Santiago de Compostela.

Durante a miña estadía, coñecerei de primeira man a execución deste Plan Maestro, así como as obras de mellora das condicións de habitabilidade nas quen participou activamente o Fondo. Por último, insertareime no proxecto de rehabilitación da escola Juan Gualberto Gómez, de Cayo Granma.

A situación pola que está a pasar a cidade nestes momentos é especialmente sensible, pois o paso do furacán Sandy na madrugada do 25 de outubro arruinou, en tres horas, esforzos de moitos anos por recuperar a cidade.

Espero que a miña experiencia eiquí sexa do máis proveitosa posible, para min, para eles e para todos aos que poida transmitila.